Ir al contenido principal

A Santa Compaña de Inmortaes Galegos. Castelao. Discurso Alba de Gloria. Bos Aires, 25 de Xullo de 1948.


Santiago de Compostela. Na igrexa de Bonaval tivo lugar a exposición sobre o discurso titulado Alba de Gloria, pronunciado polo insigne Alfonso Daniel R. Castelao, o 25 de xullo de 1948, en Bos Aires.

Este capitulo céntrase básicamente, sen esquecer as outras partes, na parte do discurso adicada á selección que o autor fai sobre os que considera persoeiros fundamentais da Historia de Galicia. Nas luminosas ábsidas góticas da igrexa temos as representacións dos personaxes ao longo do tempo, nun percorrido completado con paneles informativos que ilustran a exposición. Non é o mesmo que ver a fabulosa representación en realidade virtual, pero…


Prisciliano, Teodosio, Xelmírez, San Rosendo, Fernán Pérez de Andrade “O Bo”, Pedro Madruga, Pardo de Cela, Irmáns Nodal, Sarmiento de Gamboa, Domingo de Andrade, Fernando de Casas e Novoa, Padre Sarmiento, Padre Feijóo, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Manoel Antonio, Luis Amado Carballo, Valentín Lamas Carvajal, Alberto García Ferreiro, Eduardo Pondal, Alexandre Bóveda, son algúns dos compoñentes da Santa Compaña de Inmortaes Galegos.



Coordenadas de situación da igrexa de Bonaval en Santiago de Compostela: 42.882606, -8.538721


Convento de San Domingos de Bonaval.




Fachada da igrexa, onde se celebraba a exposición.







Entrando, baixo o coro. A ambos lados hai grandes paneles. O da dereita titúlase: A Fábrica de Mitos.





O panel da esquerda.




Avanzamos. Chegamos á parte do cruceiro. Aquí está un dos puntos centrais da exposición: Os postos de visionado da presentación do discurso en realidade virtual. É extraordinario. Mestres escoitamos podemos ver e case sentir a presenza de todos estes personaxes da Santa Compaña de Inmortaes, que pasan xunto a nos en procesión. Irrepetible.




Desde o alto do coro pódese ver a algúns visitantes da exposición nos mencionados postos de visionado de realidade virtual. Detrás do gran panel azul co título da exposición, está, na parte das tres ábsidas, o percorrido que imos ver sobre os personaxes da Santa Compaña.




Antes de pasar á parte das ábsidas, no mesmo cruceiro da igrexa, parte dereita, fixámonos nestes grandes paneles nos que se trata a prolífica actividade literaria, artística e política de Castelao, centrada no seu periodo na emigración.




Agora imos ler o discurso (todo o texto do discurso vai en cursiva, así como os textos de os paneles informativos que imos ver), a parte inicial, ata chegar a onde o autor comeza a enumerar aos membros da Santa Compaña de Inmortaes Galegos.




Fala Castelao:


Alba de Gloria.

Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única. Dende al outas planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, até as rías mainas de Pontevedra, oureladas de piñeiraes; dende as serras nutridas do Miño e a gorxa montañosa do Sil até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de camariñas, até o cume de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde una alborada de groria.


O día de festa comeza en Sant-Iago. A Berenguela tanxe o seu grave sino de bronce para anunciar a festividade do Apóstolo, e deseguida comeza unha muiñeira de campás, repenicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a tódolos campanarios da cibdade. Pero hoxe anuncia algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos de brocado, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica – filla cicais dun culto panteísta anteior ao Cristianismo – que ten por altar a terra-nai, simbolizada no Pico Sagro, por cobertura o fanal inmenso do universo e pr lámpada votiva o sol ardente de xulio, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios pimpantes da beiramar até as espadañas homildes da montaña. E o badaleo rítmico das campás, de tódalas campás de Galiza, en leda algarabía, semella o troupeleo dos cabalos astraes que veñen pola vouta celeste turrando do carro de Apolo, que trai luz e calor ao mundo en sombras… Hoxe é o Día de Galiza, e así comeza!


Hoxe é a festa maor de Galiza, a festa de tódolos galegos. Pero ninguén pode sentila coma nós, os emigrados; porque en tal día coma este reviven as lembranzas acumuladas, e na moita distancia agrándase o prodixio da Patria. Hoxe a nosa maxinación anda por alá, en festa de saudades. E dispois de evocar o repique matutino das campás, poderíamos evocar, igoalmente, hora a hora e minuto a minuto, tódolos lances xubilosos do Día, escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo a nosa terra embandeirada de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes… Pero eu non sería capaz de resistir as alegrías que sóio están no recordo, na evocación e na lonxanía, porque como dixo un gran poeta da nosa estirpe:

Sen ti perpetuamente estou pasando

nas mores alegrías, mor tristeza.


Santa Compaña Inmorredoira.

Será mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro. Podemos imaxinar, por enxemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminable procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa hestoria. Todos camiñan en silenzo, coa faciana en sombra e o mirar caído na terra dos seus pecados o dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tan siquera poderíamos comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns van revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras, e os máis deles camiñan descalzos e nus, cos ósos prateados polo fulgor astral.




Ao frente de todos vai Priscilano, o heresiarca decapitado, levando a súa propria caveira nunha arqueta de marfín e afincándose nun longo caxato, que remata coa fouce dos druídas, a modo de báculo episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres. Detrás veñen dous magnates, que cicais sexan: Teodosio, o grande Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da Cristiandade, seguidos ambos por una hoste de soldados e cregos. Ollamos dispois unha ringleira de mortos esclarecidos, portando atributos da súa dinidade ou profesión. Alí recoñocemos á pelengrina Eteria, con túnica de branco liño e camiñando con arafdo compás;...


Prisciliano, Teodosio. Detrás, priscilianistas.


Exeria, San Dámaso, Detrás, soldados e cregos.



Hai aquí un panel informativo cunha presentación audiovisual, que non poderemos reproducir aquí. Hai varios paneles similares colocados en distintos puntos de esta parte da exposición, como se verá.




Lemos o texto do panel:

Antigüidade tardía.

O legado cultural da Antigüidade tardía xira arredor das figuras de Prisciliano e Exeria. Prisciliano, bispo do século IV decapitado en Tréveris por herexía, foi considerado mártir da espiritualidade galega, mestura de cristianismo e paganismo en conexión coa Terra. Como tal sería reivindicado polo galeguismo dende principios do século XX. Exeria, a culta peregrina a Terra Santa que puxo por escrito a súa viaxe, está moi presente na creación cultural galega da actualidade, en consonancia coa reivindicación dun maior protagonismo das mulleres na cultura e nos imaxinarios.



Agora pasamos á ábsida sur. Vistas xerais.





Segue o discurso:

...ao hestoriador Paulo Orosio, o disciplo de San Agostiño, cun rolo de pergameos na man; ao bispo e cronista Itacio, que alumea o camiño cunha lámpada de bronce; a San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve Regina Mater, o cántico máis sublime da Eirexa, cunha fragante azucena nos beizos; ao fundador San Rosendo, que sostén liturxicamente a custodia do nos escudo tradicional; a moitos outros. Detrás aparece Xelmírez, o primeiro Arzobispo de Compostela, revestido de pontifical, con aurifulxente cortexo de mitrados e coengos.


De dereita á esquerda: Paulo Orosio, Idacio, San Pedro de Mezonzo, San Rosendo e Xelmírez.



Após do perlado vén Alfonso VII o Emperador, con cetro na destra, espada na sinestra e coroa de aura e pedrarías nas sens.


De esquerda a dereita: Alfonso VII O Emperador, Cortexo de Mitrados e Coengos (estes son os que siguen a Xelmírez), e a talla da Virxe co Neno, do século XV.



Siguen ao Emperador o Conde de Traba e demáis vultos da soberba feudal de Galiza.





Ollamos dispois aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e libros abertos.




Vén detrás o mestre Mateo co Apocalipsis debaixo do brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros que portan as ferramentas das súas artes.




Volvemos interromper o discurso para ler este outro panel.




Os Reis de Galcia.

Alén da coroación de Alfonso VII polo bispo Xelmírez na catedral compostelá en 1111, a historia dos reis de Galicia permaneceu moito tempo no esquecemento. Esta situación empezou a mudar a partir das últimas décadas do século XX, cando se aprecia un grande incremento no número e diversidade de manifestacóns culturais arredor dos reis de Galicia. As figuras de maior fortuna foron, ademais de Alfonso VII, o rei García e os monarcas suevos, que se converteron en símbolo da soberanía de Galicia e da importancia do reino durante a Idade Media.


Asomámonos dende aquí á ábsida central.




Xa situados na ábsida central, o discurso continúa.




Fala Castelao:

Aparece deseguida unha moitedume de xograres e trobadores, en mestura de tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes, outros calzan esporas de ouro en sinal de que foron cabaleiros e os máis deles van esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfonas ao lombo. Alí recoñocemos a Bernaldo de Bonaval, Airas Nunes, Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Pero Meogo, Xohán de Guillade, Meendiño, Xohán Airas, Martín Codax, Paio Gomes Charino, Macías o Namorado, e tantos outros, todos con lume no peito.




Non tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e Xohana de Castro – a que reinou en Portugal dispois de morta e a que foi raíña de Castela nunha soia noite morna de vran -, como dúas rosas murchas, levando en bandexas de prata as coroas do seu efímero reinado.




Acompaña a este conxunto un panel cun texto. Hai tamén posibilidade de escoitar a música que facían estes mestres. Texto:

Trobadores.

A lírica medieval galego-portuguesa non comezou a difundirse en Galicia ata finais do século XIX. A partir da década de 1930, Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza Brey foron os primeros en incorporar os símbolos, palabras e formas da poesía medieval á creación literaria moderna nun vizoso diálogo nunca máis interrompido. Nas últimas décadas, numeroso grupos de música medieval e moderna recrearon os sons da Idade Media ou levaron as súas letras á música actual.


Retomamos o discurso:

Veñen dispois os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudaes, que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos; todos montados en cabalos negros, dende Andrade o Bo, seguido polo porco heráldico ou totémico da súa casa, até o valente Pedro Madruga, que leva o puñal da traición espetado no peito.




Como grupo singular destácase Pardo de Cela e os seus compañeiros de marteiro, inxustamente decapitados, que portan con entrambas mans as cabezas aínda frescas, que deitan sangue e piden xustiza.





Tamén vemos aos feudaes eclesiásticos, antre eles aos Arzobispos Fonseca – pai, fillo e neto -, que levan unha mula cangada coas obras de Erasmo.




Detrás dos magnates vén a pé o cronista Vasco da Ponte.





E deseguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, todos con bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.





Antes de continuar cos seguintes persoaxes, interrumpimos o discurso outra vez para ler o texto do panel informativo que se ve á dereita na imaxe.




Os irmandiños.

A construcción do mito cultural das revoltas irmandiñas non comezaría ata as primeiras décadas do século XX. No ronsel das Irmandades da Fala (1916-1931), e con frecuencia dende a colectividade de emigrantes e exiliados galegos en América Latina, dedicóuselles unha interesante produción cultural, entre a que destaca a obra de Luis Seoane. Foi neses anos nos que se empezou a empregar o termo “Irmandiños” e nos que se converteron nun referente do nacionalismo galego de esquerdas. Porén, a súa popularidade aumentaría especialmente a partir da década de 1980.


Sigue o discurso:

Eiquí empeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decaeu Galiza ao trocarse en pobo sometido. Pero aínda se ven muitas individualidades poderosas, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales, que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas estranas;...




...ao filósofo Sánchez, con muceta de Doutor; aos Virreis de Nápoles e das Indias, Condes de Lemos e Monterrei, que serviron lealmente a quen non merecía ser servido; aos Embaixadores filipescos, Zúñiga, de Castro e Gondomar, que inutilmente derrocharon talento, sabiduría e arte diplomática;...




...aos escultores Moure e Ferreiro,...




...xunto cos arquiteitos Andrade e Casas e Novoa, que ceibaron de cadeas a nosa oprimida orixinalidade; ao Padre Sarmiento e o Padre Feixóo, que remediaron o atraso cultural de Hespaña coa súa erudición e o seu xenio enciclopédicos.




Vén axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nácar, abrindo a renascencia literaria de Galiza, seguido polos poetas Añón, Rosalía, Pondal, Curros, Lamas e moitos outros, todos con estrelas sobor da frente;








...os hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro; os patriotas Faraldo e Brañas; a pensadora Concepción Arenal; a escritora Pardo Bazán; e, por fin, o gran don Ramón, aínda non ben descarnado





Panel informativo situado entre estes dous conxuntos de personaxes:

Rexurdimento.

O rexurdimento cultural de Galicia a partir do século XIX e durante as primeiras décadas do século XX cimentou un impresionante legado de formas culturais, de relatos e ideas que forman a base da cultura galega contemporánea. O traballo de todas esta mulleres e homes segue a servir de inspiración e modelo para a creación cultural máis contemporánea.


Moi preto das figuras de Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal está o sepulcro de Castelao. Á esquerda, o acceso ao Panteón de Galegos Ilustres.




O discurso de Castelao continúa, ainda que xa vai camiñando cara a súa conclusión:

Hestoria e Tradición.

En canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño, detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que humanizaron a nosa terra patria infundíndolles a tódalas cousas que na paisaxe se nos amostran o seu proprio esprito, co que pode dialogar o nos corazón antigo e panteísta. Elas custodian no seo da terra os legados múltiples da tradición, os xermes incorruptibles da nosa futura hestoria e as fontes enxebres do noso xenio. Esas luciñas son o pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía coleitiva, que nunca perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa. Esta moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o que seremos sempre.

Esta evocación vai dirixida a tódolos galegos; pero no día de hoxe, eu e a maoría dos galegos que me escoitan, temos a obriga de percorrer devotamente os cimeterios de Galiza, onde repousan os derradeiros mártires, en número incontable. A nosa imaxinación verá unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xusticia. Pero no de Pontevedra verá unha labarada que chega até o ceo. Esta é a chama do esprito dun gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortaes, porque non pertenece á hestoria, senón á tradición. Este é o lume do esprito de Alexandre Bóveda, estrela e bandeira do noso porvir.




Panel informativo que acompaña á representación de Alexandre Bóveda:

Alexandre Bóveda.

En Alba de Gloria, Castelao non esquece os dramáticos acontecimentos da Guerra Civil e o asasinato por parte dos sublevados franquistas de moitos dos seus compañeiros de viaxe. O recordo do galeguista Alexandre Bóveda, fusilado polos rebeldes en Poio en 1936, serve tamén para introducir a parte de maior carga ideolóxica e emocional do discurso, a contraposición entre a Historia e a Tradición.

Un gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortaes, porque non perteñece á hestoria, senón á tradición”.




Para concluir a exposición, esta serie de paneles están adicados a explicar a xénese e proceso de creación do discurso.




E na hora de concluir este capítulo, o final do discurso:

Velaí o que eu quería decir neste Día de Galiza, en louvor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a tódolos galegos que residen nesta terra, que para nós é unha segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.


Bos Aires, 25 de xullo de 1948.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Museo de Pontevedra. Colección Sargadelos. Parte 1. Introducción y Primera Etapa (1806-1832).

Museo de Pontevedra, Edificio Sarmiento. Una gran sala alberga la colección de más de 600 piezas de Sargadelos y nos transporta los inicios del siglo XIX, años en los que un pionero, D. Antonio Raimundo Ibáñez, fundó la Real Fábrica de Loza en Sargadelos, Cervo, provincia de Lugo. La empresa conoció una serie de vicisitudes, a raíz de la muerte del fundador, en 1809, pasando por cuatro etapas, siendo la tercera la de mayor esplendor (1845-1862), hasta su cierre en 1875. En esta Parte 1 nos centraremos en el panel de presentación de la colección, en el centro de la sala, para comenzar el recorrido circular por las distintas vitrinas hasta volver al punto de partida. Las vitrinas que veremos en este capítulo se refieren a l a primera etapa de Sargadelos (1806-1832) se caracterizó por la producción de lozas de tipo inglés (cream ware) , en un tono blanco cremoso, ligeras y con barniz cristalino . Sargadelos de primera época. 1806-1832 . Defensa del Parque de Monteleón . Placa

Paseo por el Río Tea, en Mondariz. Playa Fluvial de O Val y el Puente de Cernadela. Provincia de Pontevedra.

Hoy vamos a recorrer un corto tramo del Río Tea. Partimos de Mondariz Balneario, donde el Río Xabriña desemboca en el Tea, caminaremos por la senda junto al río, unos 1400 metros, hasta llegar a la Playa Fluvial de O Val, ya en Mondariz. Después nos desplazaremos hasta el Puente de Cernadela (a poco más de 1 kilómetro de la playa), construido por los romanos, y escucharemos la leyenda que nos habla de un ritual milenario que se hacía, y se hace, en lo alto del puente. Tomamos prestados algunos párrafos del libro publicado por Xoán Xosé Pérez Labaca, titulado Lendas, Contos e outros Relatos de Mondariz e do Balneario , en concreto el capítulo referido al Puente de Cernadela. Dedicado a mi tío Juanjo, maestro e hijo de maestros. También a aquellos que lo conocieron, lo recuerdan y lo echan de menos . Puente de Cernadela, en Mondariz. Desde tiempo inmemorial se celebra aquí el ritual que ayuda a la embarazada a llevar a llevar a su hijo adelante . Coordenadas de situac

Iglesia Románica de San Martiño de Agudelo, en Barro. Provincia de Pontevedra.

Hoy visitamos el municipio de Barro, muy próximo a la capital de la provincia de Pontevedra. La iglesia de San Martiño de Agudelo es un monumento románico de la segunda mitad del siglo XII, como la generalidad de las iglesias que siguieron la traza señalada y consagrada por la catedral de Santiago . Destacan el ábside semicircular y la portada, en la que la influencia compostelana se deja ver. Coordenadas de situación de Barro en Galicia. Amplíe el mapa y llegará a San Martiño (Martín) de Agudelo:  42.527231, -8.652333