A Santa Compaña de Inmortaes Galegos. Castelao. Discurso Alba de Gloria. Bos Aires, 25 de Xullo de 1948.
Santiago
de Compostela. Na igrexa de Bonaval tivo lugar a exposición sobre o
discurso titulado
Alba
de Gloria,
pronunciado polo insigne Alfonso Daniel R. Castelao, o 25 de xullo de
1948, en Bos Aires.
Este
capitulo céntrase básicamente, sen esquecer as outras partes, na
parte do discurso adicada á selección que o autor fai sobre os que
considera persoeiros fundamentais da Historia de Galicia. Nas
luminosas ábsidas góticas da igrexa temos as representacións dos
personaxes ao longo do tempo, nun percorrido completado con paneles
informativos que ilustran a exposición. Non é o mesmo que ver a
fabulosa representación en realidade virtual, pero…
Prisciliano,
Teodosio, Xelmírez, San Rosendo, Fernán Pérez de Andrade “O
Bo”, Pedro Madruga, Pardo de Cela, Irmáns Nodal, Sarmiento de
Gamboa, Domingo de Andrade, Fernando de Casas e Novoa, Padre
Sarmiento, Padre Feijóo, Rosalía de Castro, Manuel Curros
Enríquez, Manoel Antonio, Luis Amado Carballo, Valentín Lamas
Carvajal, Alberto García Ferreiro, Eduardo Pondal, Alexandre
Bóveda, son algúns dos compoñentes da Santa Compaña de Inmortaes
Galegos.
Coordenadas
de situación da igrexa de Bonaval en Santiago de Compostela: 42.882606, -8.538721
Convento
de San Domingos de Bonaval.
Fachada
da igrexa, onde se celebraba a exposición.
Entrando,
baixo o coro. A ambos lados hai grandes paneles. O da dereita
titúlase: A Fábrica de Mitos.
O
panel da esquerda.
Avanzamos.
Chegamos á parte do cruceiro. Aquí está un dos puntos centrais da
exposición: Os postos de visionado da presentación do discurso en
realidade virtual. É extraordinario. Mestres escoitamos podemos ver
e case sentir a presenza de todos estes personaxes da Santa Compaña
de Inmortaes, que pasan xunto a nos en procesión. Irrepetible.
Desde
o alto do coro pódese ver a algúns visitantes da exposición nos
mencionados postos de visionado de realidade virtual. Detrás do gran
panel azul co título da exposición, está, na parte das tres
ábsidas, o percorrido que imos ver sobre os personaxes da Santa
Compaña.
Antes
de pasar á parte das ábsidas, no mesmo cruceiro da igrexa, parte
dereita, fixámonos nestes grandes paneles nos que se trata a
prolífica actividade literaria, artística e política de Castelao,
centrada no seu periodo na emigración.
Agora
imos ler o discurso (todo o texto do discurso vai en cursiva,
así como os textos de os
paneles informativos que imos ver), a parte inicial, ata
chegar a onde o autor comeza a enumerar aos membros da Santa Compaña
de Inmortaes Galegos.
Fala
Castelao:
Alba
de Gloria.
Se
no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e
percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha
mañán única. Dende al outas planuras de Lugo, inzadas de
bidueiros, até as rías mainas de Pontevedra, oureladas de
piñeiraes; dende as serras nutridas do Miño e a gorxa montañosa do
Sil até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos
ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece
encaixes de camariñas, até o cume de Santa Tegra, que vence coa súa
sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde una alborada de
groria.
O
día de festa comeza en Sant-Iago. A Berenguela tanxe o seu grave
sino de bronce para anunciar a festividade do Apóstolo, e
deseguida comeza unha muiñeira de campás, repenicada nas torres do
Obradoiro, que se comunica a tódolos campanarios da cibdade. Pero
hoxe anuncia algo máis que unha festa litúrxica no interior da
Catedral, con dinidades mitradas e ornamentos de brocado, con
chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de
Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica –
filla cicais dun culto panteísta anteior ao Cristianismo – que ten
por altar a terra-nai, simbolizada no Pico Sagro, por cobertura o
fanal inmenso do universo e pr lámpada votiva o sol ardente de
xulio, o sol que madura o pan e o viño eucarísticos. Por eso a
muiñeira de campás, iniciada en Compostela, vai rolando por toda
Galiza, de val en val e de coto en coto, dende os campanarios
pimpantes da beiramar até as espadañas homildes da montaña. E o
badaleo rítmico das campás, de tódalas campás de Galiza, en leda
algarabía, semella o troupeleo dos cabalos astraes que veñen pola
vouta celeste turrando do carro de Apolo, que trai luz e calor ao
mundo en sombras… Hoxe é o Día de Galiza, e así comeza!
Hoxe
é a festa maor de Galiza, a festa de tódolos galegos. Pero ninguén
pode sentila coma nós, os emigrados; porque en tal día coma este
reviven as lembranzas acumuladas, e na moita distancia agrándase o
prodixio da Patria. Hoxe a nosa maxinación anda por alá, en festa
de saudades. E dispois de evocar o repique matutino das campás,
poderíamos evocar, igoalmente, hora a hora e minuto a minuto,
tódolos lances xubilosos do Día, escoitando as cántigas montañesas
e mariñeiras que van para Compostela, vendo a nosa terra
embandeirada de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros,
aturuxos e foguetes… Pero eu non sería capaz de resistir as
alegrías que sóio están no recordo, na evocación e na lonxanía,
porque como dixo un gran poeta da nosa estirpe:
Sen
ti perpetuamente estou pasando
nas
mores alegrías, mor tristeza.
Santa
Compaña Inmorredoira.
Será
mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu
simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro. Podemos
imaxinar, por enxemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en
interminable procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os
fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa hestoria. Todos
camiñan en silenzo, coa faciana en sombra e o mirar caído na terra
dos seus pecados o dos seus amores, agachando ideias tan vellas que
hoxe nin tan siquera poderíamos comprender, e sentimentos tan
perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns
van revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras, e os máis
deles camiñan descalzos e nus, cos ósos prateados polo fulgor
astral.
Ao
frente de todos vai Priscilano, o heresiarca decapitado, levando a
súa propria caveira nunha arqueta de marfín e afincándose nun
longo caxato, que remata coa fouce dos druídas, a modo de báculo
episcopal. Siguen a Prisciliano moitos adeptos, varóns e mulleres.
Detrás veñen dous magnates, que cicais sexan: Teodosio, o grande
Emperador de Roma, e San Dámaso, o Sumo Pontífice da Cristiandade,
seguidos ambos por una hoste de soldados e cregos. Ollamos
dispois unha ringleira de mortos esclarecidos, portando atributos da
súa dinidade ou profesión. Alí recoñocemos á pelengrina Eteria,
con túnica de branco liño e camiñando con arafdo compás;...
Prisciliano,
Teodosio. Detrás, priscilianistas.
Exeria,
San Dámaso, Detrás, soldados e cregos.
Hai
aquí un panel informativo cunha presentación audiovisual, que non
poderemos reproducir aquí. Hai varios paneles similares colocados en
distintos puntos de esta parte da exposición, como se verá.
Lemos
o texto do panel:
Antigüidade
tardía.
O
legado cultural da Antigüidade tardía xira arredor das figuras de
Prisciliano e Exeria. Prisciliano, bispo do século IV decapitado en
Tréveris por herexía, foi considerado mártir da espiritualidade
galega, mestura de cristianismo e paganismo en conexión coa Terra.
Como tal sería reivindicado polo galeguismo dende principios do
século XX. Exeria, a culta peregrina a Terra Santa que puxo por
escrito a súa viaxe, está moi presente na creación cultural galega
da actualidade, en consonancia coa reivindicación dun maior
protagonismo das mulleres na cultura e nos imaxinarios.
Agora
pasamos á ábsida sur. Vistas xerais.
Segue
o discurso:
...ao
hestoriador Paulo Orosio, o disciplo de San Agostiño, cun rolo de
pergameos na man; ao bispo e cronista Itacio, que alumea o camiño
cunha lámpada de bronce; a San Pedro de Mezonzo, o autor da Salve
Regina Mater, o cántico máis sublime da Eirexa, cunha fragante
azucena nos beizos; ao fundador San Rosendo, que sostén
liturxicamente a custodia do nos escudo tradicional; a moitos outros.
Detrás aparece Xelmírez, o primeiro Arzobispo de Compostela,
revestido de pontifical, con aurifulxente cortexo de mitrados e
coengos.
De
dereita á esquerda: Paulo Orosio, Idacio, San Pedro de Mezonzo, San
Rosendo e Xelmírez.
Após
do perlado vén Alfonso VII o Emperador, con cetro na destra, espada
na sinestra e coroa de aura e pedrarías nas sens.
De
esquerda a dereita: Alfonso VII O Emperador, Cortexo de Mitrados e
Coengos (estes son os que siguen a Xelmírez), e a talla da Virxe co
Neno, do século XV.
Siguen
ao Emperador o Conde de Traba e demáis vultos da soberba feudal de
Galiza.
Ollamos
dispois aos monxes letrados, en longa fileira, con velas acesas e
libros abertos.
Vén
detrás o mestre Mateo co Apocalipsis debaixo do
brazo, encabezando unha grea de arquiteitos e imaxineiros que portan
as ferramentas das súas artes.
Volvemos
interromper o discurso para ler este outro panel.
Os
Reis de Galcia.
Alén
da coroación de Alfonso VII polo bispo Xelmírez na catedral
compostelá en 1111, a historia dos reis de Galicia permaneceu moito
tempo no esquecemento. Esta situación empezou a mudar a partir das
últimas décadas do século XX, cando se aprecia un grande
incremento no número e diversidade de manifestacóns
culturais arredor dos reis de Galicia. As figuras de maior fortuna
foron, ademais de Alfonso VII, o rei García e os monarcas suevos,
que se converteron en símbolo da soberanía de Galicia e da
importancia do reino durante a Idade Media.
Asomámonos
dende aquí á ábsida central.
Xa
situados na ábsida central, o discurso continúa.
Fala
Castelao:
Aparece
deseguida unha moitedume de xograres e trobadores, en mestura de
tipos e atavíos. Algúns semellan ter sido monxes, outros calzan
esporas de ouro en sinal de que foron cabaleiros e os máis deles van
esfarrapados, con vellas cítaras, laúdes e zanfonas ao lombo. Alí
recoñocemos a Bernaldo de Bonaval, Airas Nunes, Eanes do Cotón,
Pero da Ponte, Pero Meogo, Xohán de Guillade, Meendiño, Xohán
Airas, Martín Codax, Paio Gomes Charino, Macías o Namorado, e
tantos outros, todos con lume no peito.
Non
tardan en aparecer as dúas belidas e infortunadas irmáns, Inés e
Xohana de Castro – a que reinou en Portugal dispois de morta e a
que foi raíña de Castela nunha soia noite morna de vran -, como
dúas rosas murchas, levando en bandexas de prata as coroas do seu
efímero reinado.
Acompaña
a este conxunto un panel cun texto. Hai tamén posibilidade de
escoitar a música que facían estes mestres. Texto:
Trobadores.
A
lírica medieval galego-portuguesa non comezou a difundirse en
Galicia ata finais do século XIX. A partir da década de 1930,
Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza Brey foron os primeros en
incorporar os símbolos, palabras e formas da poesía medieval á
creación literaria moderna nun vizoso diálogo nunca máis
interrompido. Nas últimas décadas, numeroso grupos de música
medieval e moderna recrearon os sons da Idade Media ou levaron as
súas letras á música actual.
Retomamos
o discurso:
Veñen
dispois os moitos varóns altaneiros de Galiza, os señores feudaes,
que non souperon vivir en paz nin consigo mesmos; todos montados en
cabalos negros, dende Andrade o Bo, seguido polo porco heráldico ou
totémico da súa casa, até o valente Pedro Madruga, que leva o
puñal da traición espetado no peito.
Como
grupo singular destácase Pardo de Cela e os seus compañeiros de
marteiro, inxustamente decapitados, que portan con entrambas mans as
cabezas aínda frescas, que deitan sangue e piden xustiza.
Tamén
vemos aos feudaes eclesiásticos, antre eles aos Arzobispos Fonseca –
pai, fillo e neto -, que levan unha mula cangada coas obras de
Erasmo.
Detrás
dos magnates vén a pé o cronista Vasco da Ponte.
E
deseguida recoñecemos a impoñente tropa dos irmandiños, todos con
bisarmas e fouces mangadas en paus, levando por abandeirado a Rui
Xordo, que sostén en outo un facho de palla acesa e fumeante.
Antes
de continuar cos seguintes persoaxes, interrumpimos o discurso outra
vez para ler o texto do panel informativo que se ve á dereita na
imaxe.
Os
irmandiños.
A
construcción do mito cultural das revoltas irmandiñas non comezaría
ata as primeiras décadas do século XX. No ronsel das Irmandades da
Fala (1916-1931), e con frecuencia dende a colectividade de
emigrantes e exiliados galegos en América Latina, dedicóuselles
unha interesante produción cultural, entre a que destaca a obra de
Luis Seoane. Foi neses anos nos que se empezou a empregar o termo
“Irmandiños” e nos que se converteron nun referente do
nacionalismo galego de esquerdas. Porén, a súa popularidade
aumentaría especialmente a partir da década de 1980.
Sigue
o discurso:
Eiquí
empeza a decaer a categoría do fúnebre cortexo, como decaeu Galiza
ao trocarse en pobo sometido. Pero aínda se ven muitas
individualidades poderosas, como Sarmiento de Gamboa e os Nodales,
que camiñan xuntos, portando astrolabios, atlas e cunchas
estranas;...
...ao
filósofo Sánchez, con muceta de Doutor; aos Virreis de Nápoles e
das Indias, Condes de Lemos e Monterrei, que serviron lealmente a
quen non merecía ser servido; aos Embaixadores filipescos, Zúñiga,
de Castro e Gondomar, que inutilmente derrocharon talento, sabiduría
e arte diplomática;...
...aos
escultores Moure e Ferreiro,...
...xunto
cos arquiteitos Andrade e Casas e Novoa, que ceibaron de cadeas a
nosa oprimida orixinalidade; ao Padre Sarmiento e o Padre Feixóo,
que remediaron o atraso cultural de Hespaña coa súa erudición e o
seu xenio enciclopédicos.
Vén
axiña Nicomedes Pastor Díaz, coa súa lira de nácar, abrindo a
renascencia literaria de Galiza, seguido polos poetas Añón,
Rosalía, Pondal, Curros, Lamas e moitos outros, todos con estrelas
sobor da frente;…
...os
hestoriadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro; os patriotas
Faraldo e Brañas; a pensadora Concepción Arenal; a escritora Pardo
Bazán; e, por fin, o gran don Ramón, aínda non ben descarnado…
Panel
informativo situado entre estes dous conxuntos de personaxes:
Rexurdimento.
O
rexurdimento cultural de Galicia a partir do século XIX e durante as
primeiras décadas do século XX cimentou un impresionante legado de
formas culturais, de relatos e ideas que forman a base da cultura
galega contemporánea. O traballo de todas esta mulleres e homes
segue a servir de inspiración e modelo para a creación cultural
máis contemporánea.
Moi
preto das figuras de Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Concepción
Arenal está o sepulcro de Castelao. Á esquerda, o acceso ao Panteón
de Galegos Ilustres.
O
discurso de Castelao continúa, ainda que xa vai camiñando cara a
súa conclusión:
Hestoria
e Tradición.
En
canto a Santa Compaña dos inmortaes se perde na revolta dun camiño,
detrás dun pinal, vemos xurdir do humus da terra-nai, saturada de
cinzas humáns, unha moitedume infinda de luciñas, que son os seres
innominados que ninguén recorda xa, e que, xuntos, compoñen o
substractum insobornable da nosa Patria. Esas ánimas sen nome son as
que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o
feito diferencial de Galiza. Elas son as que humanizaron a nosa terra
patria infundíndolles a tódalas cousas que na paisaxe se nos
amostran o seu proprio esprito, co que pode dialogar o nos corazón
antigo e panteísta. Elas custodian no seo da terra os legados
múltiples da tradición, os xermes incorruptibles da nosa futura
hestoria e as fontes enxebres do noso xenio. Esas luciñas son o
pobo, que nunca nos traicionou; son a enerxía coleitiva, que nunca
perece; son, en fin, a espranza celta, que nunca se cansa. Esta
moitedume de luciñas representa o que fomos, o que somos e o
que seremos sempre.
Esta
evocación vai dirixida a tódolos galegos; pero no día de hoxe, eu
e a maoría dos galegos que me escoitan, temos a obriga de percorrer
devotamente os cimeterios de Galiza, onde repousan os derradeiros
mártires, en número incontable. A nosa imaxinación verá unha
fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xusticia.
Pero no de Pontevedra verá unha labarada que chega até o ceo. Esta
é a chama do esprito dun gran galego que non figura na Santa Compaña
dos inmortaes, porque non pertenece á hestoria, senón á tradición.
Este é o lume do esprito de Alexandre Bóveda, estrela e bandeira do
noso porvir.
Panel
informativo que acompaña á representación de Alexandre Bóveda:
Alexandre
Bóveda.
En
Alba de Gloria, Castelao non esquece os dramáticos acontecimentos da
Guerra Civil e o asasinato por parte dos sublevados franquistas de
moitos dos seus compañeiros de viaxe. O recordo do galeguista
Alexandre Bóveda, fusilado polos rebeldes en Poio en 1936, serve
tamén para introducir a parte de maior carga ideolóxica e emocional
do discurso, a contraposición entre a Historia e a Tradición.
“Un
gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortaes, porque
non perteñece á hestoria, senón á tradición”.
Para
concluir a exposición, esta serie de paneles están adicados a
explicar a xénese e proceso de creación do discurso.
E
na hora de concluir este capítulo, o final do discurso:
Velaí
o que eu quería decir neste Día de Galiza, en louvor da nosa
Tradición, por riba da nosa Hestoria, a tódolos galegos que residen
nesta terra, que para nós é unha segunda patria. E nada máis,
amigos e irmáns.
Que
a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira
do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.
Bos
Aires, 25 de xullo de 1948.
Comentarios
Publicar un comentario